Medio cento de grupos participarán este domingo no XXIV Concurso de Música Tradicional de Xiradela

Participan agrupacións chegadas de diferentes puntos de Galicia
Medio cento de grupos participarán este domingo no XXIV Concurso de Música Tradicional de Xiradela

Un total de 51 grupos tomarán parte no XXIV Concurso de Música Tradicional de Xiradela. A cita terá lugar o domingo 21 de abril de 2024, en horario de mañá e tarde, no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo.

 

Participan agrupacións chegadas de diferentes puntos de Galicia. As categorías con máis inscritos son a B (de 9-13 anos) con 20 grupos, maila C (13-17 anos) con 18 grupos.

 

As 10:30 horas comeza a sesión de mañá na que actuarán as categorías A e B. Desde ás 16:00 horas se poderá escoitar aos grupos participantes nas categorías C e D.

 

O acceso ao Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo é de balde ata completar o espazo. A rotación de público é alta, por ese motivo, en anos previos o público que acudiu á cita ao longo do día achegouse ás 1.000 persoas.

 

Co gallo desta cita, na contorna do Auditorio respírase ano tras ano un ambiente ligado ao desfrute da música tradicional. Durante toda a xornada pódese escoitar como pandeireteiras e pandeireteiros realizan ensaios previos para ligar voces, escóitase o son das ferreñas e vese como as e os concursantes dan os últimos retoques á súa vestimenta antes de entrar ao recinto coa indumentaria escollida con coidado para a ocasión sexa de cotío ou de gala. Todo fai parte da paisaxe do paseo fluvial no centro de Arteixo da man do Concurso de Música Tradicional de Xiradela.


Participantes por categorías e premios

Nesta edición do Concurso de Música Tradicional de Xiradela hai catro categorías con premios en metálico para primeiro, segundo e terceiro clasificado, ademais dun trofeo para o colectivo con mellor vestiario. Alcánzase no global a cantidade de 2.400 euros en premios. Os grupos participantes poderán ser: femininos, masculinos ou mixtos, e será obrigatorio o uso do traxe tradicional.

 

As bases recollen que neste concurso poderán “participar agrupacións xuvenís, culturais, recreativas, folclóricas, de veciños ou de calquera outro tipo que o desexen. Haberá catro categorías determinadas pola media de idade do grupo. Ningún membro do grupo poderá superar en máis de dous anos a idade máxima da categoría”:

 

Cada grupo terá un tempo límite de 5 minutos para interpretar a/as peza/s coas que tomará parte no certame. O grupo que exceda o dito prazo quedará descualificado.  Nesta convocatoria non participarán os grupos da A.X. Xiradela, anfitrioa e organizadora desta cita na que colabora o Concello de Arteixo.

 

Medio cento de grupos participarán este domingo no XXIV Concurso de Música Tradicional de Xiradela

Te puede interesar